A Foz do Miñor é unha zona húmida, un ecosistema de esteiro que conforma unha marisma formada polos ríos Miñor, Groba e Belesar e que conxuntamente verten á enseada de Baiona, na Ría de Vigo.
Dende febreiro de 1999 parte do espazo da Foz forma parte da Rede Natura 2000 (A Ramallosa E11400003), recollendo sete Hábitats ou especies de interese comunitario para a conservación, cunha superficie de 91 ha, cunha proposta de ampliación de 38 ha que non se chegou a efectivizar. Ademais está incluída no Plan Xeral de Explotación Marisquera de Galicia, clasificada como zona C dende o ano 2007, é dicir, que non se permite a extracción directa a causa da incidencia da contaminación fecal.
As zonas húmidas constitúen un ecosistema de riquísimo valor ambiental. Durante séculos o río Miñor forneceu de recursos hídricos, marisqueiros e piscícolas á poboación do Val Miñor, das súas augas eran extraídas sollas, anguías, troitas, reos e salmóns, aínda que nun limitado do espazo, e máis ben eran empregados os seus recursos como consumo local.
Pasou a ser unha zona de interese económico prioritario co inicio do turismo nos anos 60, foron expoliadas as dunas, recheadas as marxes, ocupadas as beiras e canalizado parte do percorrido dos ríos, eliminada a fauna mediante a caza, utilizada a súa contorna para viais, etc. Así mesmo, o aumento da poboación nas súas marxes e río arriba non foi compensado con medidas correctoras nin no relativo á ocupación nin no relativo ao saneamento, polo que a consecuencia actual é un estado de degradación límite de enormes consecuencias: enchentas en Gondomar e Sabarís, desparición da flora e fauna, perda da calidade da auga e do medio e peche da capacidade extractiva por contaminación, etc. Polo que temos unha riqueza en precario e franco abandono. A figura de protección de Rede Natura representa actualmente unha burda caricatura da súa riqueza ambiental.
En diversas ocasións a veciñanza ten reclamado a rexeneración do espazo, mediante diversas reclamacións, como: eliminación do camping da Ladeira, restauración ambiental do humidal, ampliación da declaración de protección, eliminación de instalacións inútiles sobre a lámina de auga, denuncias á UE, etc. Mais os resultados desas reclamacións non tiveron sempre o éxito agardado porque houbo intereses especulativos superiores e contrarios ao ben comunitario.
É por iso que a veciñanza do Val Miñor, reunida en asemblea quere declamar dunha vez BASTA XA! Desexando que esta sexa a definitiva para acadar a mellora ambiental do espazo.
Deste xeito facemos un chamamento á veciñanza do Val Miñor e de toda a Ría de Vigo, aos visitantes e ás autoridades coa finalidade de xuntar esforzos na reclamación da rexeneración do río e da Foz do Miñor mediante:
Ordenación dos recursos
Eliminación de impactos paisaxísticos
Minorización de impactos inevitables
Eliminación da contaminación
Restauración da zona marisqueira
Ampliación da Area Rede Natura
Restauración da calidade da auga
Restauración das beiras e do bosque de ribeira
PLATAFORMA POLA PROTECCIÓN DA FOZ DO MIÑOR
proteccionfozminor@gmail.com www.facebook.com/plataformapolaprot…
